Durante o mes de abril tiven a oportunidade de realizar unhas prácticas extracurriculares na empresa ITGest, unha empresa competente no ámbito da tecnoloxía e dos sistemas de información. ITGest forma parte do Grupo Ideias Dinâmicas, un conxunto empresarial que desenvolve solucións innovadoras e ofrece servizos de alta calidade. Así, esta experiencia resultou especialmente enriquecedora, tanto a nivel profesional como persoal, pois permitiuseme poñer en práctica algúns dos meus coñecementos adquiridos este ano, así como practicar o meu portugués e explorar sitios tanto de Lisboa como dos arredores desta cidade.
O traballo
No primer día de traballo ensináronme as instalacións e tamén me proporcionaron un escritorio e un ordenador co que traballar durante este mes. Despois, o meu titor explicoume os distintos pasos a realizar para deseñar unha landing page e conseguir vender un produto ou un servizo exitosamente. Desta forma, isto sería o que realizaría na empresa.
Así, o primeiro paso consistía en realizar unha análise documentada de aspectos como os clientes potenciais ou as características do produto/servizo a vender, entre outros factores. Deste xeito, este foi o meu traballo durante máis dunha semana, na que estiven aprendendo todo o importante que hai que ter en conta antes de comezar a pensar no deseño e desenvolvemento da páxina. Para todo este proceso, empreguei as ferramentas de Microsoft 365.
Posteriormente, seguín ca fase do deseño da páxina, na cal tiven que ter en conta os aspectos falados da fase de análise para deseñar unha páxina acorde. Para todo isto, empreguei Figma.
Por último, tiven que implementar o deseño. empregando WordPress xunto cunha plantilla bastante flexible pero que evidentemente limitaba algúns contidos que tiña no deseño orixinal. Con todo, xunto con HTML personalizado conseguiuse ao final obter unha landing page responsive que cumpría o seu obxectivo e era acorde ao deseño feito en Figma.
Ademais de todo isto, o meu titor ensinoume moito de conceptos de SEO que había que ter en conta en cada unha das fases. Aspectos moi importantes que non só as persoas de marketing teñen que saber, senón tamén as persoas que desenvolven o código.

O tempo libre
Como só souben que finalmente ía ir de Erasmus unha semana antes da viaxe, decidín buscar un aloxamento a través de Airbnb. Aínda que era consciente de que esta opción sería máis cara ca un aluguer convencional, tamén sabía que sería a forma máis rápida e segura dadas as circunstancias. Así, finalmente acabei por compartir piso cunha parella de Brasil, coa que conseguín adaptarme tanto ao idioma como á comida, sobre todo ao delicioso almorzo con bolo de cenoura!
Durante a semana, de luns a venres, o meu tempo libre estaba bastante limitado. Ademais da xornada no lugar de prácticas, tiña que desprazarme en autobús pola voltar ao piso e, polas tardes, adicábame a facer tarefas do ciclo, xa que estou matriculada nunha modalidade a distancia. Con todo, o mes de abril contou con varios festivos, que aproveitei para facer pequenas viaxes e explorar novos lugares. Todos os destinos que visitei durante este tempo están recollidos noutro artigo, así como información sobre o transporte nesta zona de Portugal.
Ademais, sabía desde o principio que se non me esforzaba por coñecer xente da miña idade, acabaría facendo as viaxes soa (excepto nun fin de semana que me veu visitar a miña parella). Por iso, informada da existencia da ESL (unha organización que promove actividades para estudantes Erasmus), decidín participar nalgúns dos seus eventos. Grazas a isto, puiden coñecer moitas persoas novas, entre elas Weronika, unha rapaza de Polonia da miña idade, coa que compartín varias viaxes e vivencias, a cal resultou ser unha excelente compañeira de aventuras.
A verdade é que, a pesar de ser só un mes, sentín que aproveitei ao máximo o tempo libre do que dispoñía, aprendendo moitas cousas novas tanto no ámbito profesional como persoal. Sen ningunha dúbida, repetiría a experiencia!
