Durante os meses de setembro e outubro de 2025 tiven a oportunidade de realizar prácticas extracurriculares na capital irlandesa, Dublín. A pesar de que a miña área de estudo está máis relacionada co desenvolvemento e a programación, puiden realizar as prácticas no FET College Dhúlaigh como técnico de sistemas e soporte, atendendo incidencias informáticas. Este centro funciona como un campus de formación profesional, con numerosos edificios repartidos por toda a cidade e miles de estudantes.
Viaxe
Para poder realizar estas prácticas tiven que desprazarme a Dublín, e a opción máis sinxela e económica foi viaxar en avión. A cidade conta cun grande aeroporto internacional, con centos de voos semanais. Desde Galicia, o máis habitual é comprobar se existen voos dispoñibles nalgún dos tres aeroportos galegos. No caso de que non haxa conexión directa, outra alternativa moi utilizada é voar desde o aeroporto do Porto, que adoita ofrecer voos a Dublín e atópase relativamente preto de Galicia. No meu caso, puiden conseguir un voo directo de ida a Dublín dende Santiago de Compostela, pero para a volta tiven que regresar ao aeroporto do Porto.

Aloxamento
Outro aspecto fundamental a ter en conta é o aloxamento. Dublín, do mesmo xeito que ocorre nas principais cidades españolas, enfróntase a un grave problema de vivenda: os prezos son moi elevados e a oferta é limitada. No meu caso tiven bastante sorte, xa que o equipo responsable do programa Erasmus+ no centro educativo de acollida conseguiu contactar cunha host family que me recibiu con moito agarimo e me proporcionou un lugar cómodo onde descansar, situado nunha típica urbanización do extrarradio, moi preto do meu lugar de prácticas.
A pesar diso, o custo do aloxamento foi considerablemente alto, moi por enriba da axuda económica ofrecida polo programa Erasmus+. Por este motivo, recomendo que quen teña pensado realizar prácticas en Dublín dispoña dun pequeno colchón económico previo para poder facer fronte aos gastos sen problemas.

Traballo
En canto ao traballo, a experiencia non puido ser mellor. Ao tratarse dun centro educativo, a maior parte do persoal estaba composto por profesorado, persoal administrativo, así como equipos de limpeza e cociña (contaban cunha cantina). O meu departamento, o IT Department, estaba integrado por tres persoas, ás que me sumei eu como cuarto membro. Esta unidade era a responsable de xestionar as incidencias tecnolóxicas nos tres edificios (campus) que conforman o FET College Dhúlaigh Northeast Campus. Tal e como indica o nome, estaban situados na zona noreste da área metropolitana de Dublín.

O meu titor de prácticas, Hashmit Parker, era o responsable do departamento. Un profesional excepcional, sempre moi ocupado pero cunha actitude positiva e disposto en todo momento a botar unha man. Sen dúbida, foi unha peza clave para que a miña experiencia fora tan enriquecedora.
As tarefas que tiven que desempeñar foron moi variadas, aínda que, en termos xerais, se podían resumir na xestión de incidencias informáticas. Calquera membro do persoal podía enviar un correo ao servizo de soporte indicando o problema detectado. O sistema xeraba automaticamente un ticket, que posteriormente era asignado a un dos membros do equipo en función do tipo de incidencia.
A prioridade e a gravidade do problema determinaban a orde de actuación. Unha vez resolta a incidencia, o ticket pechábase; no caso contrario, permanecía aberto e podía ser revisado por outros membros do departamento para ofrecer soporte adicional se fose necesario.

Turismo
A cidade de Dublín e a súa área metropolitana ofrecen un amplo abanico de actividades para descubrir e disfrutar.
Dentro da cidade pódense atopar numerosos puntos de interese, entre os cales destacan:
- The Spire: o icónico monumento metálico situado no corazón da cidade.
- Trinity College: o campus universitario máis antigo e prestixioso de Irlanda.
- St. Stephen’s Green e Grafton Street: unha zona perfecta para pasear polo centro, disfrutar da música na rúa e descansar en amplas zonas verdes.
- Temple Bar: o barrio bohemio por excelencia, con pubs tradicionais, música en directo e un ambiente vibrante.

- Museo EPIC da Emigración Irlandesa: museo moderno e interactivo que permite coñecer en profundidade a historia de Irlanda.
- Phoenix Park: un dos maiores parques urbanos de Europa, no que se poden observar cervos en liberdade.
- Guinness Storehouse: museo dedicado á célebre cervexa irlandesa, con vistas panorámicas á cidade dende o seu coñecido Gravity Bar.
Nos arredores de Dublín tamén existen áreas de gran interese turístico e paisaxístico, como:
- Howth: vila mariñeira con presenza habitual de focas e excelentes restaurantes de peixe fresco.

- Dún Laoghaire: localidade costeira ao sur de Dublín cun fermoso peirao para pasear, piscinas naturais e famosas tendas de xeados.
- Portmarnock: pequena vila ao norte de Howth, cun longo paseo marítimo ideal para desfrutar nun día soleado.
Recomendacións
Para desprazarse por Irlanda, o máis recomendable é facer uso do transporte público. Dublín conta cunha rede moi ben estruturada, composta por autobuses, DART (un tren de cercanías), tren e un sistema de bicicletas de alugueiro. Para utilizalos, o máis práctico é obter a TFI Leap Card, a tarxeta de transporte irlandesa. Ten un custo de 5 euros e pode adquirirse facilmente nas máquinas expendedoras das estacións de tren e DART, así como nalgúnhas paradas do tranvía.
No caso de ser estudante ou ter entre 19 e 25 anos, é posible solicitar a TFI Leap Card Young Adult ou a Student Card. Ambas ofrecen as mesmas vantaxes: desconto do 50% no transporte, algo especialmente beneficioso para quen precise desprazarse a diario.
A maiores, recomendo o uso da aplicación TRANSIT, moi útil para planificar rutas dentro da cidade e consultar en tempo real os percorridos e horarios dos autobuses cunha alta precisión.
Ademais do transporte público, tamén existe a opción de utilizar Uber, aínda que en Irlanda funciona dun xeito diferente ao doutros países: só os taxis con licenza poden operar a través da aplicación, o que permite solicitar un vehículo cun prezo pechado de antemán.
Outro aspecto clave é adaptarse ao ritmo de vida irlandés. Os horarios son moi diferentes aos de España, polo que recomendo que, antes de viaxar, se acostume a deitarse cedo e a realizar as comidas antes do horario habitual. No meu caso, adapteime sen dificultade, pero para outras persoas isto pode supoñer un reto, sobre todo durante os primeiros días de prácticas.
Finalmente, cómpre mencionar a meteoroloxía. Dependendo da época do ano na que viaxes, é recomendable levar máis ou menos roupa de abrigo. No meu caso, fun a finais de verán e principios de outono; para esta época, recomendo levar pouca ou ningunha roupa de verán e, en cambio, prendas máis quentes que permitan afrontar o frío seco característico desta estación.
Experiencia persoal
Eu realicei a estancia Erasmus+ en solitario. Gocei moito da experiencia e considero que viaxar só fíxoa aínda máis enriquecedora, especialmente porque mellorei notablemente a miña capacidade de comunicación en inglés. Con todo, se é posible atopar alguén co que compartir o aloxamento e as prácticas, a experiencia pode resultar máis amena e agradable.
Aproveitei para facer algo de turismo, aínda que, ao ir a finais de verán e principios de outono, o tempo non acompañaba demasiado. Dublín é unha cidade moi chuviosa e, entre iso e o traballo nas aforas, só puiden desfrutar plenamente da cidade os fins de semana.
Unha experiencia especialmente enriquecedora foi visitar as instalacións de Google. Grazas á cooperación e amabilidade do meu titor, Hashmit, puiden coñecer de primeira man como é traballar alí, explorar as súas oficinas e incluso probar como é comer xunto aos empregados da empresa.


Conclusións
Gocei enormemente da experiencia e recoméndoa ao 100% a calquera persoa que teña a oportunidade. Viaxar a Dublín non só permite coñecer unha cidade cosmopolita e culturalmente rica, senón que tamén supón unha oportunidade única para saír da zona de confort, enfrontarse a novos retos e desenvolver habilidades persoais e profesionais. A interacción diaria cun contexto distinto e a práctica constante do inglés fan desta experiencia algo realmente enriquecedor e transformador.
