Voume a Bologna!
Que que vou facer alí tan lonxe de casa? Un «job shadowing». Que quere dicir isto? Pois que vou intercambiar ideas e ver como traballa o profesorado en Italia.
Quero ver e aprender todo o que sexa mellor para o alumnado para poder poñelo en práctica no noso centro, e tamén levar as nosas ideas a Italia. É importante establecermos relacións con profesores e profesoras doutros países para poder beneficiar o alumnado, para que este poidan facer as prácticas nos distintos puntos de Europa.
Cheguei o domingo ás oito da mañá e como non podía entrar no hotel ata as tres da tarde, decidín percorrer a cidade que é magnifica, espléndida, fermosa. Déixovos algunha foto para que poidades gozar dela.
Aproveitei tamén para cuestións practicas: saber onde tiña que coller o bus, que número era, cantas paradas para poder estar o luns puntual no centro.
O luns ás 6:30 da mañá estaba en pé. Almorcei e saín a correr para chegar á porta de San Damián, lugar onde tiña que coller o bus nº 37. Tiña 15 paradas, pero xusto onde eu tiña que baixar tiña o mesmo nome que o centro: Istituto Manfredi Tanari.
O centro escolar está na periferia de Bologna. No bus que eu cheguei, viña moito alumnado dende o centro da cidade e mais lonxe pois o bus facía un longo percorrido.
É un centro grande. O numero de alumnado é de 1700, de moi diferentes idades e diferentes estudos. Aquí estudan Turismo, Comercio, Informática, BAC, etc. Vou pór unha foto para que vexades que hai dúas escaleiras, segundo o que estuden deben empregar unha ou outra.
Unha vez no centro atopeime coa profesora Mengoli, a profesora de francés, unha muller sempre co sorriso e moi agradable. Ela participa no programa Erasmus mais non é a responsable. A persoa responsable é unha profesora de Español, que estaba nun job shadowing en Francia . Aínda que eu falara por escrito con ela e lle comentara o que de verdade me interesaba e era bo para noso centro, debeu esquecer facer un horario mais acorde co que eran os meus intereses. En calquera caso a profesora Mengoli recibiume moi ben e fixo todo o posible por axudarme en todo.
Nada mais entrar no centro ela acompañoume á administración onde estaban catro persoas que se ocupan de organizaren todo o que teña que ver con clases ou exames, é dicir, ocúpanse das actividades extraescolares, das autorizacións para entrar e saír do centro. Dado que en Italia o profesorado só esta 20 H no centro, imparten dezaoito horas de clases e teñen dúas para atención de nais e pais.
Xa me dera un horario para que puidese seguir as clases, mais a verdade este horario non se adaptaba moito aos meus intereses. Eu sobre todo quería saber como funciona un centro en Italia, para poder ver claramente as similitudes e diferencias cos nosos. Asistir a clases que puidesen ter un interese para min e para o noso centro. Quería estar nas clases de alumnado Adulto, quería Informática, Turismo xa que somos dous países moi turísticos.
Pois ben, todo resulta interesante e de todo se pode aprender. Comecei cunha clase de Literatura Italiana de 5 que corresponde ao noso 2 de BAC, non eran adultos pero tiven a posibilidade de ver as clases de BAC. A profesora Cortese, explicaba moi ben e era moi dinámica, facendo participar bastante ao alumnado. Estaba explicando Verdi. Xusto nesa clase foi cando me decatei que as clases non duraban unha hora, senón dúas horas. Escoitei o timbre, mais ninguén me dixera nada e só algún alumnado se levantou, o que me fixo pensar que tiña que seguir na clase, ata que media hora despois viñeron buscarme, tiña clase de Matemáticas. Mamma mia! Matematicas.Era tamén unha clase de 5 pero, como podedes comprender, para min esta clase non tiña ningún interese, pois as miñas mates quedaron moi lonxe e estar sentada alí non tiña ningún sentido.
En canto puiden marchei a buscar a profesora Mengoli que me propuxo ir á clase de Español coa profesora Provezza, unha rapaza galega de Sarria. Foi moi amable, e presentoume o alumnado de 3 que corresponde a 4 ESO. Deixoume falar co alumnado, comentarlles de onde viña, puiden facer uso dos mapas que levaba de Galiza e os folletos sobre o Camiño e Santiago. Algún alumnado animouse a facerme preguntas como: con que cualificación se aproba en España. Cando lles dixen que cun 5 responderon que era mais fácil que en Italia , pois alí para aprobar teñen que sacar un 6. Aínda que eu falei amodo en Español , tamén practiquei o meu Italiano, interesoulles moito saber onde o aprendera, Pasada xa a media hora de clase a profesora dixo que tiñan que facer a “verifica” é dicir un exame polo que eu xa non tiña nada que facer alí.
Estiven tamén en clase de informática co profesor Esposito. O alumnado estaba a preparar como se facía un xogo. Ao rematar terminar a clase falei un anaco, co profesor fíxenlle algunhas preguntas que me tiña preparadas Eva (profesora do noso centro), que tiña curiosidade, contestoume algunhas, outras no sabia. Falei de intercambiar alumnado de informática que quixera vir a unha empresa en Galicia e ao revés ,algún alumnado noso que fora a Italia. O profesor dixo que podía ser interesante, pero que só ia un 3%. E aclarou que quen decidía o alumnado que podía ir era a profesora que leva o programa, pero que podía ser unha idea. Non pechou as portas, pero eu creo que non o teñen nada claro e sen estar todo moi acordado, eu non intercambiaría alumnado.
O resto dos dias paseinos case todo o tempo coa profesora de Francés Mengolí e cos profes de “sosteño”, o que corresponde ao noso profesorado de apoio, pero cunha gran diferenza, xa que en Italia hai moitos profesores/as para axudar o alumnado pois en Italia incorporan este alumnado calquera que sexa a súa discapacidade as clases do alumnado que non ten ningunha dificultade. Así pois, na clase de Francés estaban dúas profesoras, a profesora de francés, Mengoli, e Antonella , a profesora de apoio, que se ocupa de axudar a Giuseppe, de 17 anos e cunha discapacidade moi grande, tanto física como psíquica. É dicir, Giuseppe vai a unha seria de clases de materias comúns, como Francés ou Español cos seus compañeiros e compañeiras. E mentres a profesora de Francés explica a idade, os números, as oracións interrogativas e fai os exercicios co grupo, Antonella tamén lle vai ensinando a Giuseppe os números e a idade con autoadhesivos e unha torta con distintas cores. Despois veredes algunhas fotos.
Antonella tamén axuda a outro alumno que ten a síndrome de Tourette, unha enfermidade do sistema nervioso. Este alumno grita constantemente e fai unha serie de movementos, mais Antonella consegue que se calme e fai outro tipo de cosas pois este entende o que di a profesora de Francés de feito díxome que era un alumno intelixente. Estamos a falar dun curso que corresponde a 3º da ESO. É asombroso ver como os seus compañeiros os consideran dous compañeiros máis, toman todo con naturalidade, continúan coas súas tarefas cando o alumno grita ou Giuseppe di unha cousa que non corresponde, son considerados e cariñosos.
Neste centro hai un total de 70 profes como Antonella, pois teñen moito alumnado desas características. Ao alumnado que ten unha discapacidade grande, ensínanlle a facer certas tarefas da vida cotiá, como por exemplo, facer a compra. Amosareivos unha foto. Estes alumnos e alumnas poden ir un día á semana coa profesora a unha cafetería, onde aprenden a poñer cafés, a cobrar…, para máis adiante ter acceso ao mundo do traballo. O profesorado sente un grande orgullo deste traballo co alumnado. Pero sinto que é impensable algo así no noso país, dado o pouco profesorado que temos de apoio.
Non todo vai ser traballo, convidei a cear á profesora de Francés e de Español, a galega de Sarria, pero esta ten crianzas pequenas e non puido vir. Tivemos oportunidade de falar de moitas cousas. Elisabetta, así chamase a profesora Mengoli, é unha muller moi divertida, culta e fíxome degustar a comida propia de Bologna. O restaurante era un lugar marabilloso, como podedes ver na foto, está cheo de libros, xa que foi unha antiga libraría, pertencente a un profesor grego. Hoxe os seus fillos manteñen os dous praceres xuntos, a lectura e a comida.
O meu derradeiro día no centro estiven facendo a “verifica” oral para preparar o exame de entrada á universidade. Non ten nada que ver co noso sistema. Teñen dous exames escritos e o resto son orais. Danlles una fotografía e teñen que falar de todas as materias vendo a fotografía. A preparación para o alumnado e máis para o profesorado é ardua e dura.
Comentar que en Italia hai clase de Relixión (católica) voluntaria e quen non a elixe, vaise para a casa ou entra máis tarde. Nunha clase de doce persoas á cal preguntei, só a elixiran cinco, e curiosamente un era musulmán e as outras ortodoxas, pero dixeron que aprendían moitas cousas. O resto non viña e entraba unha hora mas tarde
E xa para rematar, dicir que esta miña experiencia non está nada mal para alguén que está a punto de despedirse da súa vida profesional e que sempre traballou e participou neste tipo de programas.
Grazas, moitas grazas.
Moitas grazas por compartir con nós a túa experiencia e acercarnos un pouco máis ao sistema educativo italiano. As actividades que describes en relación ao profesorado de apoio interesantísimas, o número de profesores de apoio un dato moi interesante que mostra a importancia de dedicar recursos para conseguir educación de calidade.