Finalizo o relato da miña experiencia neste centro educativo falando da organización da FCT e das actividades extracurriculares. Agradezo infinitamente a todo o persoal (staff e docente) que me dedicou o seu tempo e por suposto ao alumnado con quen compartín 16 horas lectivas.
Progetti extracurricolari
Unha das boas prácticas do centro é retornar á sociedade o investimento que ela fai na escola. Francesco explicoume que sempre teñen presente este asunto á hora de realizar os proxectos integrados: crear algún produto útil para unha ONG, por exemplo.
O ano pasado organizaron unha actividade extraescolar con trece estudantes de diferentes ciclos, que crearon a App “Metaverse ITS tour”. A raíz do éxito desta iniciativa, o centro implantou o novo curso AR/VR.
Un dos proxectos futuros é conseguir ser sede Cambridge para a certificación oficial do nivel de inglés do alumnado, así como a creación de obradoiros de Inglés para preparar as probas.
Tamén participan en concursos e proxectos como Faber, en actividades de tipo social, deportivas, culturais e sempre tendo en conta o tema transversal da sustentabilidade.
Community management
Gonzo ademais de publicar nas redes sociais tamén crea comunidade falando co alumnado, involucrando voluntarios que participen en obradoiros, explícalles a importancia de crearen un portfolio persoal cos traballos feitos durante o ciclo para telo listo no momento da procura de emprego, dinamiza un servidor de Discord para a comunicación non formal (pero moito máis efectiva que o correo electrónico) cos estudantes e tamén está implementando unha canle de Telegram.
Os próximos pasos consisten na gamificacion das interaccións en Discord (os participantes gañarán moedas que poderán cambiar por premios como pegatinas de animes) e na publicación de leccións superfast en TikTok.
Collab. per Aziende Stage
María e Federica encárganse das FCTs e dos módulos de LBP (Aprendizaxe por Proxectos) de primeiro ano, que se desenvolven con clientes reais (empresas do sector de cada ciclo).
Como expliquei noutro artigo, cada ciclo é patrocinado por unha empresa, xeralmente de certa envergadura, pero nos módulos LBP e FCT tamén participan outras compañías, mesmo as máis pequenas.
Desta reunión saíu o compromiso de axudarnos mutuamente a buscar socios de acollida para o alumnado Erasmus+ que desexe realizar o tirocinio en Turín ou Santiago de Compostela, principalmente na área de Desenvolvemento de Software.
Xa me explicarás como son eses “proxectos integrados” a nivel de temporización e planificación 😉
Interesante o de aprendizaxe por proxectos nos alumnos de primeiro ano temos que ver como se leva, pode servir de base para o que se nos ven enriba.
Que ben que o investimentoque se fai se poida devolver á sociedade. Me parece unha gran idea.