A escola da Ramada destila convivencia por cada recuncho das súas instalacións. Arredor de 1400 alumnos distribuidos en 53 “turmas” e 130 profesores implicados para que ademais de rematar a secundaria con éxito, esas rapazas e rapaces leven ás súas costas a experiencia de formar parte dunha comunidade integradora, inclusiva, respectuosa e activa, unha auténtica antesala dunha sociedade mellor.
Maria Dovigo, como diretora de pojetos, que no son poucos na escola da Ramada, capitaneou como ninguén o tivera feito mellor o meu job shadowing en Odivelas, concello que linda polo noroeste con Lisboa. Ela, muller galego-portuguesa de lingua e alma, que no seu caso son a mesma cousa, decidiu cambiar A Coruña por Lisboa ao mesmo tempo que cambiaba o milenio. Leva así 24 anos dando clase de español en Portugal, os sete últimos na Escola Secundaria da Ramada. Dinámica, acolledora e comprometida, o 19 de marzo deume unha cálida benvida, a min e á trintena de alumnos de portugués do IES Cidade de Antioquía e IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia que estaban de excursión nun cámping próximo e para os que preparou, xunto ao multiartista Carlos Lopes e un dos profesores decanos da Ramada, Carlos Pascoal, unha entrañable e completa xornada de convivencia na que non faltou un obradoiro para aprender a facer “cravos” de papel encarnado. Deste xeito fixéronos partícipes da conmemoración do inminente 50 aniversario da Revolución dos caraveis.
“Tudo vale a pena se a alma não é pequena”. Este verso do eterno Fernando Pessoa funciona como leiv motiv deste equipo de profesionais da educación. Entre eles, Carlos Pascoal, profesor de Filosofía que leva dende o ano 95 impartindo valores na escola da Ramada e difundindo entre o alumnado adolescente a necesidade de adquirir un pensamento crítico para desenvolverse con liberdade e criterio na vida adulta. Neste tempo, tamén colaborou na rehabilitación do muiño da escola e na literal construción da sala multiusos. Tamén o creativo Carlos Lopes, no centro dende que hai 5 anos cando foi seleccionado polo Ministerio para desenvolver o proxecto “Ler. Comunicar. Ser. Somos o que aprendemos” cuxa completa programación leva a cabo co equipo de dinamización da biblioteca. Carlos Lopes, actor ademais de mestre, é o exemplo patente de que a inclusión efectiva é posible, e así o demostra facendo participar en toda actividade complementaria canta hai na escola ao estudantado da “sala de valencias”, alumnado cuxas necesidades educativas acusadas non lles permite chegar ás posibles adaptacións do currículo ordinario contempladas pola lexislación portuguesa. Eles, pilotados por Carlos Lopes, foron os encargados de recibir aos estudantes galegos de Xinzo con xogos de benvida e coa proxección dunha montaxe audiovisual dun conto que eles mesmos locutaran e ilustraran.
Na primeira clase á que asistín, a profesora Maria Manuela reflexionaba co alumnado de 11º curso (1º de Bac para nós) sobre a inxustiza dos matrimonios concertados do século XIX ao tempo que explicaba a obra cume do Romanticismo da literatura portuguesa: Amor da perdiçao, de Camilo Castelo Branco. Nesta escola portuguesa o curso organízase en dous semestres, cun boletín de notas parciais en xaneiro e outro coas notas do curso completo en xuño. Deste xeito, cada profesor avalía a súa materia a medida que o alumnado vai adquirindo competencias sen deixar de facer testes (probas escritas), pero non tan frecuentes como, en xeral, se adoitan celebrar no noso sistema educativo. Así, na materia de Lingua e Literatura portuguesa, Maria Manuela fai 4 probas de literatura ao ano, 2 ou 3 de gramática e unha redacción sobre un tema dado por semestre.
A clase de Literatura medieval portuguesa tiven ocasión de presenciala a partir do vídeo documental que a professora Margarida proxectou á turma de 10º J (4º da ESO para nós). Eran a traxectoria aventureira do intrépido Ferrão Mendes Pinto e a franca transcrición literaria sobre as conquistas portuguesas que o autor plasmou na súa obra A peregrinaçao, o que tiña ao alumnado en xaque. A versión épica e laudatoria do grande Imperio portugués feita por Luis Camões en Os Lusíadas non coincidía coa confesión das crueis prácticas dos colonos portugueses que relataba Mendes Pinto na súa obra, censurada ata o S.XX en Portugal.
Sería o alumnado de 9ºG (3ºda ESO) quen trataría de analizar fragmentos da obra medieval de Os Lusíadas da man da professora Teresa, quen cunha lectura guiada facilitaba a comprensión e a correcta interpretación da obra do S. XVI na aula. Esta turma, estudantes todos eles de espanhol como segunda lingua estranxeira desde 7º curso, aproveitou a ocasión para practicar o idioma comigo a partir dun breve coloquio sobre as diferenzas entre as clases españolas e portuguesas que improvisamos na aula.
As clases da escola celebranse de luns a venres de 8:00 a 12:55 na quenda de mañá e de 13.15 a 18.10 na de tarde. Salvo os alumnos de 3º ciclo (7º,8º e 9º), que soen asistir a clase en quendas de mañá, os de secundaria (10º, 11º e 12º) teñen uns días clases de mañá e outros de tarde, ao igual que o profesorado. Isto facilita a participación do alumnado en diversos clubs (de cinema, de ciencia, de lectura…), nas actividades da biblioteca (todas elas difundidas no canal https://www.youtube.com/@apalavraditaesr2023 ) ou no grupo de teatro dirixido por Carlos Lopes. A terceira tarde da miña estadía en Lisboa tiven a oportunidade de asistir a un ensaio do grupo do último curso de secundaria (2º de Bac para nós). Foi unha marabilla ver como ademais de entoación, proxémica e cinética, os rapaces adquirían nocións de iluminación, xa que durante os ensaios, os propios alumnos manexan e practican cos focos do espazo que eles chaman Auditorio, todo baixo a batuta do talentoso Carlos Lopes.
Puiden tamén presenciar a clase de Filosofía de Carlos Pascoal con 10ºD e o debate sobre os valores obxectivos e subxectivos dende as diferentes perspectivas culturais a partir de distintos sucesos terribles que atentaban contra os dereitos humanos, denunciados todos eles por amnistía internacional. O ambiente participativo, ademais da habilidade de Pascoal para profundizar sobre as cuestións éticas, así como a diversidade cultural presente na aula (había alumnado procedente de Malaui, Guinea Bissau, Mozambique…) e as súas testemuñas persoais, fixeron desta clase unha experiencia extraordinaria.
Na reunión do equipo da biblioteca coñecín a Ana Ferreira, profesora de Lingua e Literatura portuguesa na turma de Ciencias de 11º curso. Tiven ocasión de asistir á súa aula o último día da miña estancia na escola, venres pola tarde, e comprobar como o proxecto de fomento da lectura “10 minutos a ler” é posible incluso con alumnado de 1º de Bach. É cuestión de organización e temporalización do currículo, así como de priorizar obxectivos educativos fundamentais.
O certo é que puiden observar de preto un sistema educativo distinto ao noso, e sobre todo, ver a posta en práctica de iniciativas didácticas innovadoras e eficaces, centradas na formación integral e interdisciplinar do alumnado. Foi unha semana inesquecible, de conversas, ideas e sorrisos ao abrigo da incansable Maria Dovigo, que con mestría, dedicación e cariño fai posible que todos os proxectos brillen e sexan capaces de motivar a unha adolescencia difícil de comprometer nestes tempos de móbiles, selfies e tiktoks.
Moitas grazas Maria, a ti e aos teus marabillosos compañeiros de batalla, e grazas a todo o equipo directivo e organizativo do Erasmus plus do IES San Clemente que fixo posible esta semana fantástica que xa ten banda sonora de fado na miña lembranza.
Artigo moi completo. Que ben que tiveras unha recepción tan agarimosa por parte dos colegas portugueses. Seguro que vas sacar proveito do xeito portugues de ensinar.
Grazas Marcos, tés razón, foi unha experiencia moi produtiva, ademais de entrañable. Cheguei cargada de ideas e de ánimo.
Obrigado por partilhares a canle de YouTube, adorei!
Vou utilizá-la nas minhas aulas e nas atividades do clube de leitura.
Abraço!
Precioso artigo. Vaia iniciativas e proxectos tan interesantes e vaia lujazo porder compartilas con eles. Ademais sorprende a envergadura do instituto, 1400 alumnos!