Hoxe comezo o meu cuarto job shadowing (o primeiro en Italia e segundo nunha institución educativa), nesta ocasión no Istituto Técnico Superior ITS ICT Piemonte.
Estas experiencias Erasmus+ para docentes, permítennos coñecer como funciona o sistema educativo e produtivo noutros países, tomar nota de boas prácticas e crear redes de institucións colaboradoras para futuros proxectos europeos. Se queres botar unha ollada ao que aprendín noutros anos en Portugal, aquí tes as ligazóns:
- 2016 e 2017: ETAP, escola profissional
- 2018: Teleperformance, departamento de Helpdesk
- 2019: WDMI, empresa de recondicionamento de computadores
Coñecemos a Beppe e outro persoal do ITS ITC hai seis anos, cando viñeron facer un Job Shadowing ao IES San Clemente. Posteriormente recibiron un alumno noso en Turín.
Aterrando
Beppe e eu comezamos falando sobre a colaboración en proxectos Erasmus+ e outros asuntos relacionados coa organización do instituto.
O centro de ensino está formado por dous edificios, un dedicado ao obbligo (o equivalente á nosa FP básica e de grao medio) con cursos de Perruquería e Hostalaría entre outros; e outro de ensino superior con nove cursos profesionais de Informática.
Copyright e normas xurídicas do mundo dixital
A primeira clase á que asistín foi á deste módulo transversal onde se trataron os temas da privacidade e datos persoais. Ao longo da historia, as innovacións transformaron a sociedade e máis adiante houbo que dictar novas leis para regulalas, que normalmente chegan un pouco tarde. Estas leis tratan de equilibrar dereitos contrapostos, por exemplo: privacidade vs libertade ou privacidade vs seguranza.
En canto aos datos persoais, son informacións que identifican directa ou indirectamente unha persoa física, por exemplo o nome (directamente) ou un enderezo IP (indirectamente).
Tratouse o dilema ético do MIT sobre o vehículo autónomo e unha das conclusións foi que nessuno comprerebbe un’auto kamikaze, isto é, se a persoa anciana fose quen conduce e o coche (mellor dito, quen o programou) decidise atropelar a crianza, nese caso a ética cedería o paso aos intereses comerciais.
A viaxe ten boa pinta, seguro que o intercambio de coñecementos é fructífero.
Un gran artículo que acaba en alto, con niño atropellado y todo (por suerte es solo un escenario hipotético).