Durante os días 2, 3 e 4 de xuño de 2026, tiven a oportunidade de participar nunha mobilidade Erasmus+ de aprendizaxe por observación (job shadowing) na capital de Romanía, en Bucarest.
O principal obxectivo da visita foi coñecer o sistema educativo romanés na ensinanza secundaria e establecer un contacto inicial que nos permitise tecer futuras colaboracións, así como coñecer e aprender sobre o desenvolvemento da formación profesional e das dinámicas desta ensinanza profesionalizadora en Romanía.
O Liceul Tehnologic “Nikola Tesla”

A miña visita comezou o día 2 de xuño cunha cálida benvida no Liceul Tehnologic “Nikola Tesla”, situado na cidade de Bucarest. No día da miña chegada ao centro, estaban a celebrar os actos de graduación dos alumnos: dos que me fixeron partícipe e me invitaron a sentarme cos mestres e as profesoras do centro.

A continuación, puiden coñecer as instalacións e ver o resto do centro. Para, finalmente poder ver de primeira man o desenvolvemento das aulas. Entre elas, destacaría as de Español como lingua estranxeira (onde puiden observar un bo exemplo da integración dos móbiles na aula), a de Historia Contemporánea (onde estaban a analizar a presenza de bulos nas redes sociais e a necesidade de contrastar a información nos medios a través dos atentados do 11M) e a de Francés (onde puiden aprender máis sobre a gastronomía romanesa).

Así mesmo, puiden ver de primeira man os talleres, os materiais e as instalacións nos que se levan a cabo as ensinanzas de formación profesional. Os docentes, compartiron comigo os resultados dos proxectos que levan a cabo cos alumnos durante o curso, cos que quedei moi sorprendido. Mais, durante esta parte da visita, tamén aproveitei para coñecer máis amplamente o currículo das ensinanzas de informática das que me levo unha idea xeral e completa.
Para rematar o día, seguín as recomendacións da profesora de Francés e dispúxenme a probar varios pratos típicos romaneses dos que aínda non puidera desfrutar. Toda unha experiencia.

Cisco Romania

No meu segundo día en Bucarest, visitei a sede dunha das empresas máis relevantes do mundo no sector IT: Cisco Romania. Fun recibido por Corneliu e, durante a visita, puiden coñecer de primeira man o desenvolvemento profesional na sede romanesa e como desenvolven as prácticas co alumnado.
Contáronme, ademais de como se distribúen as distintas áreas nas que os alumnos fan prácticas, a súa estrutura empresarial. Nela, profundizamos na especialización propia e como levan a cabo en contornas sandbox da sede as probas antes de comezar a poñer en produción os distintos sistemas.

Durante a miña estancia nas oficinas, puiden coñecer tamén os programas formativos cos que complementan a formación que reciben os alumnos no Liceul Tehnologic “Nikola Tesla”. Todos eles, amplamente recoñecidos no sector romanés e con calidade diferenciadora e capacitante.
Antes do remate do día, aproveitei para visitar o Palacio do Parlamento Romanés. Este é o edificio máis pesado e o segundo edificio máis grande do mundo, só despois do Pentágono estadounidense. Polo menos, ata o de agora, no 2026.

STB – Societatea de Transporturi Bucurest

No meu terceiro e último día, puiden coñecer outra das empresas nas que o alumnado do centro realiza as súas prácticas: STB ou a Societatea de Transport Bucuresti.
Aínda que principalmente recibe alumnos da familia profesional de formación profesional eléctrica na rama de electromecánica, permitiume coñecer o desenvolvemento dos periodos de prácticas do alumnado, a súa organización, estrutura e como é a futura incorporación á empresa dos alumnos na formación profesional romanesa. Non vou mentir: aproveitei para facer un monte de preguntas e coñecer máis sobre a súa formación profesional, que se asemella á nosa formación profesional dual. A organización en grupos pequenos, o apoio por parte dos docentes na empresa e a titorización por parte da mesma, parecéronme unhas fortalezas moi destacables do periodo formativo no sector produtivo.
Logo, puidemos volver polo centro, ter unha reunión final sobre os proxectos Erasmus+ e falar dunha futura colaboración entre ambos centros. Compartimos ideas e falamos sobre as prácticas formativas en empresas, que oxalá abra unha posibilidade de cooperación internacional para os próximos cursos.
Esta experiencia confirmoume o enorme valor das mobilidades Erasmus+. Aprender de compañeiros doutras rexións, coñecer outras realidades educativas, compartir boas practicas, establecer redes de colaboración europeas futuras e voltar con un monte de ideas. Sen dúbida, contribúen a enriquecer o desenvolvemento docente e a dimensión internacional dos centros.

Toda a miña experiencia en Bucarest foi especialmente agradable e enriquecedora, mais isto non sería posible sen o acompañamento e a hospitalidade da directora Cristina Andreescu, do profesor Andrei-Valentin Gheorghe e do resto de docentes do centro. Fixeron da miña estancia e de Romanía, un moi bo e de valor recordo. Quédome con moitas cousas compartidas, moitas aprendidas e coas ganas de voltar nun futuro.
