Nos días 11 a 16 de maio visitei a Escola Profissional de Almada, situada no distrito de Setúbal.
O principal obxectivo da visita foi establecer un contacto inicial para colaborar no marco dos proxectos Erasmus+ entre as dúas escolas así como realizar unha aprendizaxe por observación das dinámicas empregadas polos profesores na aula.
A escola
Aínda que a Escola Profissional de Almada foi inaugura en 1970 co obxectivo de formar os traballadores dos estaleiros da Margueira, na actualidade, tralo cese de actividade do estaleiro, a escola adaptouse ás necesidades laborais da contorna ofrecendo formación profesional en distintas áreas.
Na súa oferta formativa atópanse o os cursos profesionais de Técnico en animación e turismo, Técnico de electrónica, automoción e control, Técnico de informática-sistemas, Técnico de mecatrónica do automóbil e o curso de nivel inicial profesional de Operador de informática.
A visita
Primeiro día
O primeiro día de visita comezou cunha recepción e visita ás instalacións da escola. Trala recepción por parte da equipa directiva, formada polos profesores Luísa Neves, Raul Lapa e Rita Dimas, tivemos tempo de reunirnos e intercambiar experiencias pedagóxicas e de xestión de proxectos, ademais de explicarme a historia e organización do centro.
Nesta primeira reunión puidemos deseñar as liñas de interese para as futuras colaboracións no marco dos proxectos Erasmus+ entre a Escola Profissional de Almada e o IES San Clemente.
A última actividade realizada neste primeiro día foi a observación dunha clase de matemáticas co profesor Antonio Pedrosa, na cual os alumnos repasaban contidos traballados na materia despois de rematar un período de prácticas formativas.
Segundo día
O segundo día acompañei á profesora Felicidade Amaral e ao seu grupo de alumnos de informática á escola 42 Lisboa.
Esta escola ofrece cursos de programación cunha abordaxe inclusiva, que permite desenvolver capacidades na área tecnolóxica a todos os alumnos independentemente da súa formación académica ou profesional.
A primeira área na que se focaliza o seu ensino é o desenvolvemento de software, a partir da cal os alumnos poden especializarse en áreas como a ciberseguridade, a intelixencia artificial ou o desenvolvemento de videoxogos.
Un dos aspectos máis destacados desta escola é flexibilidade que ofrece aos alumnos, permitindo establecer o horario que máis se adapte ás súas necesidades. Ademais, contan cunhas instalacións modernas e equipamento de última xeración.


Terceiro día
No terceiro día visitei o Instituto Jean Piaget. Esta escola é un pequeno campus educativo que ofrece formación a nivel universitario como de formación profesional.
O instituto conta con varios campi en Portugal, situados nas cidades de Almada, Gaia, Algarve e Viseu e na súa oferta formativa destacan os cursos de informática, entre os que se atopan os seguintes:
- Licenciatura de enxeñaría informática.
- Cursos profesionais superiores de programación web, dispositivos e aplicacións móbiles, infraestrutura cloud, desenvolvemento de videoxogos e ciberseguridade.
- Cursos profesionais medios de animación 2D e 3D, deseño dixital 3D e multimedia.


Cuarto día
O cuarto día a profesora Felicidade e eu visitamos a Associação Rato – ADCC, unha asociación sen ánimo de lucro que realiza proxectos de divulgación cultural e científica e desenvolve iniciativas e proxectos de inclusión social utilizando as tecnoloxías de información e comunicación.
Un dos aspectos máis interesantes desta asociación é que acolle o traballo e contribución de persoas de diferentes maneiras co obxectivo de promover a inclusión social. Desta forma, a asociación serve de espazo para realizar prácticas e proxectos formativos nacionais e internacionais.
Nas súas instalacións contan cun obradoiro de mantemento e reciclaxe de equipamentos informáticos, un espazo maker, unha sala de gravación e edición de contidos multimedia así como unha sala multiusos onde gran parte dos participantes realizan as súas tarefas cos ordenadores.
Pola tarde, os profesores Raúl, Rita, Felicidade e mais eu realizamos a última visita programada, neste caso, á Escola Secundária Cacilhas-Tejo. Esta escola, creada en 1980, foi medrando e mellorando as súas instalacións co paso do tempo e na actualidade ofrece cursos de ensino secundario nas modalidades científica e humanística, cursos profesionais (entre os que está o de técnico de xestión e programación de sistemas informáticos), ensino de adultos e ensino de lingua portuguesa como lingua estranxeira.




Quinto día
O último día da visita intentamos visitar varias empresas onde os nosos alumnos realizaran as súas prácticas formativas recentemente, pero a incompatibilidade de axendas dificultou estas visitas.
Para aproveitar o día, aproveitei para experimentar a rede de transporte público de Almada e Lisboa e visitar a zona de Belem, onde se atopan monumentos emblemáticos como a Torre de Belém, o monumento aos exploradores marítimos ou o mosteiro dos Jerónimos.



Reflexión final
Como conclusión só podo dicir que esta experiencia foi excelente e moi produtiva. Tanto o trato recibido como a oportunidade de compartir experiencias entre as dúas escolas permitiu establecer un punto de contacto e de colaboración co país veciño para futuras mobilidades nos proxectos europeos.
Por último, agradecer a amabilidade dos profesores da escola e en especial da Luísa Neves, Raúl Lapa, Rita Dimas e Felicidade Amaral polo tempo dedicado e as explicacións a todas as miñas preguntas e dúbidas.