Boas! Son Carlos Callón, profesor de Portugués no IES San Clemente, e quería contarvos un chisco da miña última aventura. A mediados de xuño estiven facendo unha mobilidade Erasmus en Securitas Direct Portugal, que está en Algés, mesmo ás portas de Lisboa.
Foi unha experiencia moi interesante para ver, por dentro e ao vivo, como funciona unha empresa grande e internacional. Ademais de practicar, nun nivel profesional, ese irmán siamés do galego que é o portugués, puiden coñecer como se organizan, que retos teñen e como xestionan o seu equipo humano. Tiven reunións co departamento de recursos humanos, puiden analizar a súa estrutura e, o mellor de todo, abrir portas para que no futuro haxa máis colaboración entre empresas portuguesas e o noso centro.
Mais non todo foi traballo de escritorio: tamén houbo tempo para cultura! Entre reunión e reunión, achegueime á Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa, onde participei nun acto académico, e aproveitei para facer un pouco de turismo cultural que vai dar moito xeito nas aulas: visitei o Museu da Cidade, o Centro de Arte Moderna da Fundação Gulbenkian e algún que outro recuncho lisboeta que sempre paga a pena revisitar.
O máis importante é que este tipo de mobilidades serven para traer ideas novas ao San Clemente, para que o noso alumnado vexa que aprender linguas abre portas de verdade, e para seguir fortalecendo a relación tan especial que temos co país veciño.
Agora tócame pór en práctica todo o aprendido e seguir traballando para que, desde Compostela, continuemos a abrir camiños de cooperación, cultura e amizade con Portugal.
Un saúdo e até a próxima!