
Durante tres meses tiven a oportunidade de traballar en Tridens, unha empresa situada en Maribor, como desenvolvedor web. Foi unha experiencia interesante tanto a nivel profesional como persoal, xa que me permitiu coñecer unha forma diferente de traballar e participar en proxectos reais dentro dun equipo internacional.
Durante este período encargueime principalmente de tarefas relacionadas co desenvolvemento e mantemento de aplicacións web. Traballei tanto na implementación de novas funcionalidades como na corrección de erros e na mellora de diferentes partes da interface, sempre traballando na documentación.
Un dos aspectos máis positivos foi a independencia que che ofrecen, ó traballar en proxectos solo aprendín a buscar moitas cousas pola miña conta e resolver problemas sen axuda, inda que todos os meus compañeiros de traballo sempre me ofrecían axuda e apoiábanme en todo.
Por outra banda, tamén atopei algúns aspectos mellorables. En varias ocasións a organización interna non foi todo o clara que debería. As prioridades cambiaban con frecuencia e ás veces recibíanse tarefas sen unha explicación detallada dos obxectivos. Isto provocaba certa confusión e obrigaba a investir máis tempo do necesario en aclarar requisitos ou en reorganizar o traballo xa realizado.
En conxunto, considero que foi unha experiencia positiva que me permitiu mellorar as miñas capacidades técnicas, aprender a adaptarme a distintos contextos de traballo e comprender mellor o funcionamento dunha empresa tecnolóxica. A pesar das dificultades relacionadas coa organización, os tres meses en Tridens serviron para reforzar os meus coñecementos como desenvolvedor web e adquirir unha visión máis ampla do sector.

