Durante a miña estancia en Maribor pasei tres meses vivindo nun hotel que, sinceramente, non foi a mellor parte da experiencia. Aínda que cumpría coa función básica de ter un lugar onde durmir, as condicións deixaban bastante que desexar. O espazo era pequeno, pouco acolledor e con servizos bastante limitados. Despois dunha xornada de traballo, non era precisamente o sitio onde máis apetecía pasar o tempo, polo que sempre buscaba actividades ou excursións para aproveitar a estancia na rexión.
A pesar diso, vivir en Maribor permitiume descubrir unha cidade tranquila e agradable, cun ritmo de vida moi diferente ao que estaba acostumado. O centro histórico, as zonas verdes e a proximidade ao río Drava facían que os paseos pola cidade fosen bastante agradables. Ademais, a localización de Eslovenia facilitou moito a posibilidade de visitar outros lugares interesantes durante as fins de semana.


Unha das mellores partes da experiencia foi precisamente a oportunidade de viaxar. Tiven ocasión de visitar Ljubljana, a capital do país, Ptuj, unha das cidades máis antigas de Eslovenia, que destaca polo seu encanto histórico e polo seu castelo.


Fóra de Eslovenia puiden facer varias escapadas moi recomendables. Visitei Graz, en Austria, Viena, unha cidade impresionante, Trieste, en Italia e Zagreb, a capital de Croacia, onde comprei moitas antigüidades.




En resumo, aínda que o aloxamento foi bastante decepcionante e probablemente o peor aspecto da estancia, a experiencia de vivir en Maribor viuse amplamente compensada polas viaxes realizadas, as novas cidades descubertas e a oportunidade de coñecer unha parte de Europa que ata ese momento non tivera ocasión de visitar.

